outono

Outono*
Texto de Elvira Pérez.

Escoitou a chamada do outono no medio dun atasco. En pleno asfalto. Un castiñeiro desmelenouse a través da ventaíña entreaberta.

-Vai ao monte —dixéronlle as follas secas a ritmo de maraca.

O corazón latexáballe rápido. Desenfreado. No espello retrovisor viu a súa imaxe e tivo medo. Viuse orfo e vello.

-Hoxe non podo ir ao traballo —díxolle a alguén polo móbil e colleu a autovía en dirección á vila onde se criara.

Aparcou o coche na cuneta enfronte da casa dos pais que xa non estaban e adentrouse no monte. Camiñou sobre o chan alfombrado de follas, esmagándoas coas súas pegadas.

Axiña oíu á nai con voz de terra que o chamaba.

-Ven, fillo, ao meu lado. Déitate no meu colo, anda.

E deitouse obediente sobre un manto de humus húmido e cálido. Arreconchegouse á terra que se adaptou ao seu corpo. Sentiu a aperta da nai no chan, o seu alento fresco e o seu ritmo pausado. Cruzou os brazos sobre o peito para materializala. Botábaa tanto en falta. As pólas das árbores a medio espir formaban o teito daquel útero vexetal. O sol quentaba na primavera do inverno e acariñáballe a cara.

-Nai —dixo.

Caían follas sobre o seu corpo. Unha cálida chuvia de follas. Confeti de outono. O maná.

As árbores dispúñanse tamén a pasar o inverno e non parecían ter medo. Respiraban fondo e sentiu os seus soños de clorofila . Os latexos do seu corazón foron acompasándose aos ritmos vitais vexetais.

-Nai —dixo.

Xa non tiña présa. Nin medo . As follas seguían caendo imantadas e silandeiras, bicándolle a cara. Un baño de follas de outono sobre aquel corpo canso de adulto.

Debeu estar así horas. Cos ollos abertos, atento á caída das follas, esperando un sinal. Unha mensaxe. Xa non quedaban apenas follas nas pólas. Entón unha desprendeuse preguiceira e baixou danzando, pintando cetas marróns no ar, mentres lle cantaba unha nana.

-Nai —dixo.

--
*Texto e debuxo realizados para a exposición Plantando libros, organizada pola AGPI para o VII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (febreiro 2006). Na realización desta exposición seguiuse o proceso inverso ó habitual: primeiro se fixeron os (39) debuxos, logo estes foron ilustrados con palabras.

índice de Carteis (e outros) indice
páxina principal home