Lembro os días pálidos, taciturnos, cando en vez de palabras saían da miña boca pétalas de alelí, cando os cristais me atravesaban como suspiros, cando as mans sostiñan velas contra o infortunio. Tamén lembro os días felices. Daquela, todo tiña o seu nome e eu era algo máis ca un lugar baleiro nas vidas dos demais.
Lembro unha lúa detrás da parede, unha cidade en movemento, lembro voces, recendos, xestos. Lembro todo isto e nada me importa máis que a túa existencia, pesadelo.
Estás comigo desde que teño razón, es parte de min e xa non podo deixar de soñarte.
Cando era neno, non sabía quen eras, só eras un amigo que me viña visitar para que non me sentise só. Son tan longas as noites! Despois, pouco a pouco, funte coñecendo. Preguntei, e dixéronme. Aínda que ninguén te quere ver, todos falan de ti. Dás medo, sabes? Aborrécente, a ti e aos que son coma ti. Pero non eu, que te necesito cada noite ao meu lado.
Chégame como unha música o teu respirar tranquilo, o renxer das túas articulacións, a liña que debuxa o teu perfil, e ata son capaz de percibir o sabor que che quedou das horas en que estabas esperto e eu só era unha imprecisa nostalxia do alén. Gozo de vivir a túa vida, sorber eses pequenos momentos tan intensos. E iso que me custa afacerme aos bruscos cambios de morada. Por que o fas? Foxes de algo? Onte era un hotel de luxo, antonte, unha casa familiar, hoxe, este cuarto de pensión barata. Vexo a vella cama, a alfombra, o libro, o reloxo, o vaso de auga sobre a mesiña, e estou a ver as precisas testemuñas do refuxio no que tratas de desaparecer. Foxes de min, pesadelo? E esa porta entreaberta, todas as portas entreabertas, por que?
Cando era neno, pensaba que algún día mataría a alguén ou que alguén me mataría. Daquela, tamén pensaba que o tempo era un mar inmóbil e os pensamentos, luces que se acendían e apagaban. Realmente, fun neno algunha vez? Son miñas ou son túas estas lembranzas?
Ninguén me cre cando digo que ansío a túa compaña. Cóntolles que nos atopamos cada noite, que nos deitamos xuntos, que respiramos o mesmo aire e compartimos o mesmo sono. Explícolles que tes unha figura arrepiante; quen te puido concibir así? Esa pel flácida, eses brillos baixo as pálpebras pechadas, ese latexar incesante... E dígolles que tal vez es eu mesmo, un recordo nostálxico, a ilusión da vida que tiven algunha vez. Eles saben que non, que es o outro: o meu asasino. E non entenden por que te busco cada noite. Os mortos o que queren é non ter pesadelos.
Sinto pasos; un triscar de coitelos, un respirar meticulosamente calculado, un aceno definitivo sobre o meu peito. E vólveme a pregunta crucial nunca respondida, por que? Por que? Eu tiña unha vida, tiña un nome e ocupaba un lugar no mundo. Por que? Os recordos non nos deixan. Ao final, dá o mesmo o cuarto no que te refuxies, nel sempre estarei eu. Para lembrarche quen es e o que fixeches. Para o meu sosego. Para a túa expiación.
Vaia, parece que non descansas, reméxeste, estás a punto de espertar. Non importa, desaparecerei, durmirei para ti. Pero cando volvas pechar os ollos, de novo estarei aí. Meu pesadelo, meu asasino. En todos os sitios, unha vez, outra vez, outra vez.
Aínda son tan longas as noites! E esas portas entreabertas nos recantos dos nosos soños...
Texto: Manuel Lourenzo González
--
Texto e debuxo realizados para a exposición Apaga a luz, quero medo, organizada pola AGPI para o VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (febreiro 2007). Na realización desta exposición seguiuse o proceso inverso ó habitual: primeiro se fixeron os (20) debuxos, logo estes foron ilustrados con palabras.
- Versión máis grande do debuxo.